Actuarán o 20 de agosto de 2021 na Igrexa de San Bieito de Fefiñáns, Cambados
PROGRAMA:
JUAN PONCE (c.1470-1521) E A MÚSICA DO SEU TEMPO NA PENÍNSULA IBÉRICA
Música sacra
SALVE REGINA _ Juan Ponce. Cancioneiro da Colombina
KYRIE da Misa de Nª Señora _ Juan de Anchieta (1462-1523) C. da Colombina
AVE MARÍA _ Antonio de Ribera. († c. 1519) Manuscrito 2/3 de Tarazona
O ADMIRABILE COMMERCIUM _ Juan Illario (s. XV-XVI) Man. 2/3 de Tarazona
ALEGRÍA, ALEGRÍA _ J. Ponce. CMP 227 GUITARRA
BUENAS NUEVAS DE ALEGRÍA _ Anónimo. C. da Colombina
Música profana
D’AQUEL FRAIRE FRACO _ Pedro de Lagarto (1465-1543) CMP 255
¡HA, PELAYO, QUÉ DESMAYO! _ Pedro Juan Aldomar (s. XVI) CMP 89
CON AMORES LA MI MADRE _ Juan de Anchieta. CMP 335
TRES MORICAS M’ENAMORAN _ Diego Fernandez (s. XVI) CMP125
TODO MI BIEN É PERDIDO _ J. Ponce. CMP 156
UNA MONTAÑA PASANDO _ Garcimuñoz (s. XVI) CMP 154
VED, COMADRES, QUÉ DOLENCIA _ Francisco Millán (s. XVI ) CMP 122
AVE COLOR VINI CLARI _ J. Ponce. CMP 159
VOX ORGANALIS
Altos: Óscar Mato, Martín Viaño
Tenores: Daniel Canosa, David Ferreiro
Baixos: Luís Martínez, Felipe Sar
Dirección: Luís Martínez
Notas ao programa
O reinado dos Reis Católicos foi un período clave en moitos aspectos nos que non nos imos deter agora, mais tamén o foi no desenvolvemento da música na Península Ibérica en canto podemos dicir que é a época na que florece o primeiro renacemento e na que comeza a tomar forma o estilo ibérico. O desenvolvemento musical inmediatamente posterior, durante o reinado dos primeiros Austrias confirmou os avances estéticos e consolidou a escola ibérica como unha das máis importantes do seu tempo e que máis transcendencia histórica teñen acadado.
Neste contexto histórico detémonos na figura do ilerdense Juan Ponce, do que conmemoramos o 500 aniversario do seu pasamento. Ponce foi cantor da Capela Real Aragonesa -coa que viaxou a Nápoles- ata a súa disolución en 1516. Tan só conservamos unha ducia de composicións -agás unha, todas no Cancioneiro de Palacio- pero estas obras resultan unha excelente escolma da música do seu tempo, en tanto que compuxo música relixiosa en latín e castelán e música profana de temática amorosa, histórica e goliardesca.
Juan Ponce rematou a súa vida retirado en Lanzarote grazas a un beneficio outorgado polo rei aragonés, adiantándose así ao costume moderno de xubilarse nas Illas Canarias desfrutando da benignidade do seu clima.
Traemos a este concerto 4 obras de Ponce: A Salve Regina é a única das súas composicións realizada en estilo severo, pasa por ser a máis antiga Salve polifónica que se conserva e establece o modelo de alternancia de fragmentos en canto chan e polifonía que se estandarizaría ao longo do século XVI. O vilancico para a resurrección Alegría, Alegría segue o modelo das composicións relixiosas en idioma romance, cun ritmo vivo, entradas sucesivas en contrapunto imitativo e secuencias homofónicas. Todo mi bien he perdido é unha composición a catro partes na que se procura a intelixibilidade do texto e que trata de transmitir a dor causada por un desengano amoroso. Probablemente a peza máis famosa do autor sexa Ave color vini clari, unha sorte de remedo dun motete en latín na que o texto, en lugar de exaltar os sentimentos relixiosos, louva as virtudes do viño branco.
O resto do programa inclúe obras escritas no entorno de 1500, procedentes do Cancioneiro da Colombina (1469-1496), o Manuscrito 2/3 de Tarazona e o Cancioneiro de Palacio (1495-1505), as fontes máis importantes da música ibérica de principios do século XVI.
Do compositor vasco Juan de Anchieta, un dos mestres máis sobranceiros do seu tempo, traemos dúas obras –unha relixiosa e outra profana- que amosan a súa grande capacidade compositiva. O Kyrie da Misa de Nª Señora conserva a maneira medieval de engadir tropos ao sinxelo texto aclamativo (Kyrie eleison, Christe eleison) e resulta un perfecto exemplo de contrapunto en estilo severo. Por outra banda Con amores la mi madre é unha peza de sensual beleza melódica sobre o ritmo a 5 partes do zorzico, a danza vasca por excelencia.
O responsorio O admirabile commercium combina o texto propio da antífona que lle dá título cunha secuencia (Ecce nomen Domini Emmanuel) e unha aclamación (Balam missus miro) pero interpretada co texto ao revés (Balam sussim orim).
Un dos primeiros exemplos -se cadra o primeiro- da ensalada: forma musical que combina temáticas, idiomas e rítmicas propia do renacemento español, é Una montaña pasando, a máis longa do Cancioneiro de Palacio. Tamén hai unha obra de carácter satírico, D’aquel fraire fraco, que advirte das condutas contrarias á moral do frade e outra exaltación do viño, Ved, comadres, que dolencia. No capítulo das composicións de temática amorosa inclúense o vilancico ¡Ha, Pelayo, qué desmayo! e o famoso romance Tres moricas m’enamoran, do que aparecen dúas musicalizacións diferentes no Cancioneiro de Palacio.
Luís Martínez
VOX STELLAE é un grupo vocal e instrumental con sede en Santiago de
Compostela, teñen unha longa traxectoria e un repertorio moi amplo,
especialmente centrado na música antiga, pero tamén con incursións na
música popular, a ópera ou a creación contemporánea.
Teñen
gravado 3 discos: Salvete Flores, Defensor alme Hispaniae (galardoado co
MELÓMANO DE OURO) e Gaude María Virgo, os dous primeiros adicados a
música inédita do arquivo da catedral de Tui, e o terceiro con
composicións marianas, encargado polo Santuario da Franqueira.
O VENRES 2O DE AGOSTO preséntanse en Fefiñáns como VOX ORGANALIS que é a agrupación de voces masculinas de Vox Stellae, centrada
especialmente na interpretación do repertorio medieval, gregoriano e
renacentista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario